SESIÓN DE PRESENTACIÓN DAS SAÍDAS PROFESIONAIS NA FACULTADE DE CC.EE. E TURISMO DE OURENSE

Novas
10/06/2022
Imaxe da sesión

O Colexio retomou a actividade que anualmente organizaba na Facultade de CC.EE. e Turismo de Ourense, e que se suspendeu en 2020 e 2021 polos condicionantes da crise sanitaria da Covid-19. Trátase dunha xornada na que profesionais economistas dedicados a diferentes ramas da economía relataban a súa traxectoria laboral, facendo fincapé na necesidade dunha formación continua, que facer para dedicarse a algunha rama en particular, que se está requirindo actualmente ou se é necesaria algunha formación específica para dirixirse a algunha actividade en concreto.

Neste exercicio, esta interesante actividade, enmarcada no acordo de colaboración que desde hai anos mantén o Colexio coa Universidade de Vigo e que se renovou a finais de 2019, consistiu nun almorzo informativo, no que os estudantes puideron expor ás relatoras as súas dúbidas sobre o que se van a atopar ao termo dos seus estudos universitarios e coñecer de primeira man as opcións laborais que ofrecen os estudos que están a piques de finalizar.

Na súa 12ª edición, presentaron e clausuraron a sesión, Dna. Mª Montserrat Cruz González e Dna. Mª da Carmen Sampayo David, decanas da Facultade de CC.EE. e Turismo e do Colexio de Economistas de Ourense respectivamente, e interviñeron Dna. Irene Aguiar García, que ademais de ser antiga alumna da Facultade é directora de D3 Xestión, dedicada á asesoría integral de empresas; Dna. Sofía García-Iturri Tosar, xerente de Cruz Vermella Española en Ourense e Dna. Hermesinda Domínguez Pérez, directora financeira de Mecanizados Rodríguez Fernández. Estivo tamén presente no desenvolvemento da actividade, D. Xullo Vila Pérez, vicepresidente-vicedecano da Xunta de Goberno do Colexio.